Saturday 29 de June de 2024

Os grandes éxitos da canción italiana chegan ás Festas de María Pita da man de Umberto Tozzi


O cantante, recoñecido mundialmente por éxitos como ‘Gloria’ ou ‘Ti amo’, ofrecerá este mércores 16 o penúltimo concerto das Noites de María Pita

As Noites de María Pita chegarán esta semana á súa fin con dúas últimas actuacións. A primeira delas será a do cantautor italiano Umberto Tozzi. O veterano artista estará este mércores na praza de María Pita a partir das 22.00 horas. Tozzi é un dos cantantes italianos máis recoñecidos. A súa exitosa carreira comezou nos anos 70, cando compuxo e interpretou dúas das cancións máis populares do seu país: ‘Gloria’ e ‘Ti amo’. Estas foron amplamente versionadas e traducidas a diferentes idiomas, sendo un éxito de vendas e escoitas en todos os continentes.

Outro dos grandes fitos da carreira de Umberto Tozzi foi a súa participación no Festival da Canción de Eurovisión, en 1987, xunto a Raf, co que interpretou a canción ‘Gente di mare’. Tozzi e Raf, que previamente gañaran o primeiro premio do Festival de San Remo, conseguiron o terceiro posto na gala de Eurovisión que tivo lugar en Bruxelas (Bélxica).

O Goberno de Inés Rey aposta nesta programación das Festas de María Pita pola convivencia de diferentes estilos musicais, co obxectivo de chegar a unha ampla varioedade de públicos. A última cita das Noites de María Pita será o vindeiro domingo, 20 de agosto, a partir das 22.00 horas, co espectáculo ‘Mangüi sempre en nós’.